A sexta onda está a deixar a súa pegada no Barbanza, aínda que de forma particular. Noia é o concello que segue a rexistrar o número máis elevado de contaxios. Hoxe hai 59 a dúas semanas e 32 detectados nos últimos sete días. En A Pobra aumentan os positivos a catorce días, xa que se notificaron 12. A unha semana o municipio segue rexistrando entre un e nove casos. Ribeira, Boiro, Muros, Rianxo, Porto do Son, Outes e Lousame contan con entre un e nove contaxios a dúas semanas e a sete días.
No conxunto de Galicia deixa máis pegada a sexta onda. Nas últimas horas contabilizáronse 414 novos positivos e hai un total de 5.056 casos activos. Nos hospitais galegos hai 140 ingresados. En planta atópanse 114 mentres que en coidados intensivos hai 26 pacientes.
Avanza a vacinación da terceira dose de reforzo. O proceso de administración desta dose está xa avanzando entre a poboación maior de 70 anos, polo que a Consellería de Sanidade está a citar á poboación maior de 60 anos para a dose de reforzo, que arrancará o mércores.