O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda fixo entrega hoxe en Porto do Son de 13 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate para os servizos de Protección Civil de outros tanto concellos da Coruña e Lugo.
Segundo destacou Alfonso Rueda, o equipamento entregado hoxe forma parte dun ambicioso plan de mellora dos medios materiais dos que dispón a Comunidade Autónoma de Galicia e que permitirá mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e nas intervencións de emerxencias.
O acto contou tamén coa participación do delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Diego Calvo, e do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.
En concreto hoxe entregáronse catro embarcacións de catro metros de eslora aos concellos de Corcubión, Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Foz; e outras nove de cinco metros para Ares, Carnota, Malpica de Bergantiños, Miño, Muros, Muxía, Abegondo, Viveiro e Portomarín. Este material supón un investimento de 179.000 euros.
O vicepresidente subliñou que a aposta polo voluntariado e pola atención ás emerxencias do Goberno galego se complementa coa atención á seguridade, xa que tamén se dotou ás Policías Locais de Galicia con material.
Please login to join discussion