A Segunda Futgal rematou esta fin de semana con sabor agridoce para algúns equipos da comarca e con tristura para outros. A derradeira xornada saldouse con catro derrotas, tres triunfos e dous empates para os conxuntos da contorna polo que algúns quedáronse ás portas dos seus obxectivos.
O Taragoña despediuse da promoción de ascenso ao caer no duelo directo co Agrón. Os de Rianxo precisaban gañar ao Agrón, segundo, para facerse co posto e asegurar a súa presenza no playoff, pero os do Barbanza non tiveron o seu día. Os locais arrancaron forte o duelo e inauguraron o marcador no minuto 5. Antes de cumprirse a media hora de xogo o Agrón xa mandaba por 2-0 e no 31 ampliou a súa vantaxe ata o 3-0, resultado co que se chegou ao descanso. Óscar Suárez introduciu cambios na segunda metade, pero os seus non foron capaces de xerar moito perigo nin de superar á defensa local. O seu único tanto chegou no 81, obra de Alberto Collazo, insuficiente para sacar algo positivo do Capelo e coarse na promoción. O Taragoña finalizou terceiro logo de sumar 55 puntos cun balance de 18 vitorias, 1 empate e 11 derrotas.
O Atlético Oleiros perdeu fol neste tramo final da campaña e pasou de ocupar os dous primeiros postos do grupo 1 Santiago a rematar quinto. Os ribeirenses recibiron a visita do Urdilde que finalizou cuarto logo de levarse os tres puntos da Trinidade. Os visitantes puxéronse por diante practicamente na primeira xogada do partido, tanto ao que respondeu o Oleiros no minuto 4 co tanto de Julio Sampedro. O partido estivo equilibrado ata que no 75 o Urdilde rompeu as táboas dende o punto de penalti. Derrota dos ribeirenses que pechan con sabor agridoce unha campaña na que o equipo foi de máis a menos. Foron quintos ao ter 51 puntos logo de 14 triunfos, nove empates e sete derrotas.
O Porto do Son foi finalmente sétimo ao caer no último encontro co Sar Extramundi, que conseguiu a salvación matemática. Os locais gañaban por 3-0 no minuto 35, os sonenses acurtaron diferenzas no 43 co tanto de Ángel Piñeiro, pero antes do descanso o Sar anotou o 4-1. Xusto á volta dos vestiarios os locais fixeron o definitivo 5-1.
O Lesende rematou oitavo empatado a puntos co Porto do Son logo de caer por 3-1 co Milladoiro. Os locais levaron a batuta durante todo o encontro, adiantáronse no 21 e no 33 mandaban por 2-0. Os lousamiáns acurtaron distancias no 66 pero ao fío do final o Milladoiro anotou o definitivo 3-1.
O Artes deu a badalada e impúxose na casa do líder e campión do grupo, o Luaña. Os artistas adiantáronse no 16 co gol de Damián Sampedro dende o punto de penalti, pero os locais igualaron no 18. O Artes seguiuno intentando ata que no 43 Oubella adiantou de novo aos verdes, que marcaron novamente no 62, obra de Daniel Sobrido, e no 75, gol de penalti de Brais Santos. Con este triunfo o Artes finalizou décimo.
Duodécimo foi o Sporting Lampón tras impoñerse ao Victoria FC. Os boirenses abriron a lata no 43 co tanto de José Triñanes, pero os visitantes igualaron no 65. Dez minutos despois Rubén Fernández desequilibrou a balanza para o Lampón que rematou con 32 puntos.
Un posto por debaixo quedou o Xuventú Aguiño que empatou no derbi comarcal desta última xornada co Cruído Noia B, condenando ao filial noiés ao descenso tras a vitoria do Sar. Houbo alternativas no marcador para os dous equipos, pero o 3-3 lucía no marcador co asubío final. Empate que condena ao Cruído ao descenso ao finalizar décimo quinto con 23 puntos, dous menos que o Sar Extramundi.
E o Xuño tamén descenderá e despediuse da categoría vencendo por un claro 4-1 ao Esclavitud. Os locais adiantáronse cedo, pero o Esclavitud empatou no minuto 8. Os sonenses tomaron de novo o mando no 34 e bateron novamente a meta visitante no 60 e no 80. gran triunfo para poñer fin a unha difícil temporada.

