A Preferente avanza pero os resultados seguen sen acompañar aos equipos da comarca enmarcados no grupo 1. Esta oitava xornada da competición deixou un balance dun triunfo e dúas derrotas, só o Noia foi quen de puntuar de tres logo dun difícil duelo co San Tirso. O Puebla perdeu pola mínima co Paiosaco Hierros mentres que o Dumbría non puido co Betanzos.
O Noia rachou a súa xeira negativa de dúas derrotas seguidas para impoñerse nun traballado duelo ao San Tirso, segundo clasificado. O conxunto adestrado por Antonio Ríos, Vecho, tiveron que esmerarse para deixar os tres puntos no Julio Mato Matito. Os visitantes amosaron por que están nos postos altos da táboa e no 37 puxéronse por diante no marcador e xusto antes de enfilar vestiarios, no 45+1, duplicaron a súa diferenza. Pero o Noia reaccionou e aproveitou o engadido para acurtar distancias no 45+2, obra de Mario Regueiro. Non contentos con iso Marcos Piñeiro non errou e no 45+3 igualou o duelo. O 2-2 lucía no marcador ao comezo da segunda metade, pero os noieses asinaron unha remontada exprés co 3-2 que marcou Marcos Piñeiro. O Noia mantivo a súa superioridade grazas á súa defensa e colócase oitavo na clasificación.
O Puebla segue a afundirse ao encadear a súa segunda derrota seguida, neste caso ante un rival directo como o Paiosaco-Hierros. A igualdade foi protagonista na primeira media hora de xogo, pero no 32 os visitantes tomaron a dianteira, 0-1 que mandaba no marcador ao descanso. O tempo de lecer sentou ben ao Puebla que no 61 conseguiu empatar o choque grazas ao tanto de Iker Carril, sen embargo a alegría na Alta durou pouco xa que no 68 o Paiosaco adiantouse novamente. 1-2 que se reflectía no marcador co asubío final. Tras esta derrota, o Puebla é décimo terceiro e ten só tres puntos de marxe co descenso.
Na zona perigosa segue o Dumbría que non puido sacar nada positivo da súa visita ao Betanzos. Os da Costa da Morte conseguiron frear e plantarlle cara ao Betanzos durante 70 minutos, cando o conxunto local puido superar por fin a defensa dumbriense para poñerse por diante. Os de Pablo Ceives intentaron igualar sen éxito o marcador, e no 93 o Betanzos confirmou o seu triunfo por 2-0. O Dumbría volve a quedarse a cero esta xornada polo que é décimo sexto ao ter cinco puntos no seu haber.

