O Municipal de Vilas abriu novamente as súas portas onte para que o Unión e o Córgomo Vilamartín xogaran o primeiro duelo da fase da promoción de ascenso á Preferente. O calor foi un dos protagonistas da tarde na que os de Asados se puxeron por diante na eliminatoria grazas a un traballado triunfo.
Os locais sabían que o encontro ía ser duro e os visitantes, rocosos dende o inicio, apostaron por un enfoque defensivo con cinco defensas e un punta para aproveitar algunha contra. Os vermellos monopolizaron o xogo pero o muro do Córgomo impediu que puideran xerar especial perigo.
Os de Vilamartín apostaron todo ao empate para centrarse na volta, que se xoga no seu campo de dimensións máis reducidas, pero o Unión tirou de paciencia para atopar o gol. Houbo que agardar ao 80 pero o tanto chegou, obra de Iván Rama que finalizou cun disparo certeiro unha boa xogada conxunta.
O Córgomo reaccionou facendo o duelo aínda máis lento, para evitar que os rianxeiros chegaran ao encontro de volta cunha maior vantaxe. Os de Asados preparan xa ese duelo no que se xogarán a súa presenza na final da promoción de ascenso para poder estar a vindeira campaña na Preferente.

