O domingo, os veleros aproveitaron unha compoñente do vento do norte que insuflou os spinnakers e jennakers, imprimindo gran velocidade á frota. O máis rápido foi o Corisco III, de Marcos Pérez, que completou o percorrido desde a Ría de Muros e Noia ata a Ría de Vigo en 5 horas, 48 minutos e 55 segundos.
Na clasificación xeral por divisións, en A1 o vencedor foi La Gitana, do Real Club Náutico da Coruña, seguido do Ziralla Primeiro e o Fend La Bise. En A2 triunfou o Tuspi II, do Real Club Náutico de Portosín, con Vértigo Sailing e Grupo Puma Spaco completando o podio. E en A3 o cetro dorado foi para o Bonaventure, seguido do Siradella e o Orión.
A entrega de premios tivo lugar no Salón Principal do Liceo Marítimo de Bouzas, con presenza de autoridades deportivas e representantes dos clubes organizadores. Alí tamén se entregaron trofeos especiais, como o Juan Piñeiro, o Vepersa e bonos regalo do Hotel Pazo Los Escudos & Spa Resort.
O Desafío Rías Baixas NB21 conclúe cunha competición intensa e unha gran acollida por parte dos participantes.

