A estación náutica de O Freixo, na ría de Muros-Noia, acolleu a segunda proba do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica, reunindo a preto dunha vintena de deportistas. A competición destacou pola súa esixencia técnica, xa que os pilotos tiveron que memorizar o percorrido e controlar os tempos sen axuda de dispositivos tecnolóxicos.
A xornada deixou un resultado inesperado, cun cambio completo no podio respecto á primeira cita en Portosín. A vitoria foi para a parella viguesa formada por Julio Prada e Eugenia Fernández, que se impuxeron con solvencia.
Tras eles, dous equipos de Noia completaron o podio: Pepe Barrio Guldrís e María Barrio Bouzas acadaron a segunda posición, mentres que Enrique Dios e María Barrio fixéronse co terceiro posto.
A entrega de premios contou coa presenza de autoridades locais e representantes da organización, nun acto que rematou coa tradicional foto de familia no centro náutico.
A próxima cita será no mes de maio en Tui, nunha proba que tamén puntuará para o Campionato de España.

