A vixésimo novena xornada da Primeira Futgal só deixou unha boa nova: o triunfo do Unión. Os rianxeiros seguen firmes no seu camiño para pechar a súa presenza no playoff de ascenso á Preferente, mentres que Valiño, Abanqueiro e Esteirana perderon unha bala para loitar polo seu obxectivo da permanencia.
O Unión mantense como o terceiro mellor equipo do grupo 5 despois de impoñerse no seu encontro ante o Amanecer. Os vermellos recibiron a visita dun dos equipos que se está a xogar a permanencia na categoría e os visitantes presentaron batalla no municipal de Vilas. Os rianxeiros tomaron pouco a pouco o esférico ata que pasada a media hora de xogo Óscar Galbán superou a defensa do Amanecer para inaugurar o marcador, 1-0 co que se chegou ao descanso. Os visitantes buscaron o empate, pero o Unión estivo máis certeiro e no 63 ampliaron a súa vantaxe co 2-0, que xa sería definitivo. Traballado triunfo dos de Asados que seguen en postos de promoción e con seis puntos de marxe co cuarto, o Cordeiro.
O Abanqueiro segue sen levantar cabeza e caeu en Vista Alegre ante o Campo Lameiro na súa sexta derrota consecutiva. Os visitantes non perdoaron e antes de que se cumpriran os primeiros 20 minutos de xogo xa mandaban no marcador. Os da Charca non foron quen de superar o muro levantado polos sextos clasificados, pero tampouco tiveron erros para que ampliaran a súa vantaxe. Ata que ao fío do final o Campo Lameiro pechou o encontro co 0-2 que subiu ao marcador no 87. O Abanqueiro pecha a xornada na mesma posición, décimo cuarta, e o décimo terceiro posto afástase en cinco puntos.
Un caixón por baixo segue o Valiño que caeu no seu enfrontamento directo co Atlético Cuntis. Os locais tomaron a dianteira no minuto 13 e no 57 duplicaron a diferenza co 2-0. Pero no 76 o Valiño reduciu a distancia cun home menos, logo da expulsión de Alejando Valiño no 70. Esono foi o encargado de bater a portería rival e de dar esperanzas aos seus, pero no 85 o Cuntis botou por terra as aspiracións de empate dos crucenses co 3-1.
E a Esteirana complícase a vida para loitar pola permanencia, aínda que matematicamente é posible, non depende de si mesmo despois de caer co Vizoño. Os locais apenas tardaron 5 minutos en inaugurar o marcador e antes do descanso os muradáns xa caían por 3-0. A falta de goles da Esteirana está a lastrar ao equipo que marcou o seu último tanto o sete de marzo na vitoria ante o Camariñas. Desta vez tampouco chegaron as dianas dos de Esteiro, pero o Vizoño volveu a celebrar no 90 o que sería o definitivo 4-0. a Esteirana segue última, hai en xogo 15 puntos e están a 11 da permanencia.

