A resposta da patronal conserveira á convocatoria de folga dos sindicatos foi o anuncio dun posible peche patronal. A Federación de Asociacións de Industrias de Transformación e Comercializadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura ( Feicopesca) anunciou un posible peche do sector conserveiro no mes de marzo.
Aseguran que o fan para preservar a «integridade física» dos traballadores. A patronal informou que o pasado 2 de febreiro propuxo un acordo de peche de convenio a sindicatos que supoñía, entre outras cuestións, incrementar un 7,5% as táboas salariais en 2022 sobre os valores actuais. Con todo, non se chegou a un acordo e tras o primeiro día de folga, o pasado 21 de xaneiro, o tres de febreiro volveron ás rúas para esixir a equiparación salarial e un convenio digno no sector.
Os sindicatos anunciaron unha gran manifestación en Boiro (A Coruña) o próximo 19 de febreiro. Ademais de novas xornadas de folga o 14, 16 e 18 de marzo. Desde Feicopesca explican que debido a esta «grave» situación, a asociación anticipou que se comezaron as xestións para abordar un peche patronal durante toda a semana do 14 de marzo, unha decisión motivada, segundo afirman, pola «firme vontade» de preservar a «integridade física» de todos os traballadores «tras os incidentes ocorridos durante as últimas xornadas de folga».
Desde Feicopesca sinalan que lamentan o duro impacto económico que dita acción puidese ter, ao tratarse dunha semana completa de suspensión de contratos no mes de marzo, reiterando a vontade permanente de diálogo e achegamento.
