Quedan menos de 24 horas para que o Coliseo Noela se vista de gala na entrega de premios da Mostra de Curtas de Noia. As actividades que se veñen realizando dende o 7 de outubro rematan con varios cheos e un bo sabor de boca entre os organizadores e os participantes.
A Sección Oficial da vixésimo segunda Mostra de Curtas finalizou o martes coa proxección dos últimos cortos seleccionados. O Teatro Coliseo Noela reuniu nas súas butacas a unha media de máis dun centenar de persoas que puideron ver as curtas candidatas a levarse algún premio mañá na gala final. Ata Noia achegáronse persoas de diferentes lugares do globo para ver as curtametraxes. Dende a organización indican que houbo asistentes de Chile, Bélxica ou Miami.