19 noviembre, 2026
Image default

O Concello de Noia envía por Correos máis de 11.000 máscaras de protección para aos veciños e veciñas do municipio

O Concello de Noia está a enviar esta semana máis de 11.000 máscaras
de protección aos domicilios dos veciños e veciñas do municipio. Así, persoal municipal
entregou onte mércores en Correos a segunda remesa de envío, composta por 2.030 sobres,
que se suma aos 3.550 achegados a principios da semana. “En total, entregamos máis de
11.000 máscaras en Correos para repartir aos domicilios de Noia e nos próximos días
reforzaremos ese reparto con novas entregas”, explica o alcalde, Santiago Freire Abeijón,
quen adianta que “entre estes envíos, as entregadas a maiores de 65 e grupos de risco e ao
sector comercial, ao final estaremos entregando máis de 22.000 máscaras”.
Durante a última semana, persoal municipal, voluntarios e voluntarias e xente da Cruz
Vermella de Noia estiveron ensobrando todo o material, adquirido polo Concello de Noia e
que está a chegar xa estes días aos domicilios dos veciños e veciñas, comezando polos
residentes fóra do casco urbano.
Maiores e comercio
Estes envíos por Correos súmanse ás 6.000 máscaras de protección contra o coronavirus
COVID-19 repartidas de xeito gratuíto entre os veciños e veciñas maiores de 65 anos e
persoas pertencentes a grupos de risco, 4.200 achegadas polo Concello e outras 1.800 pola
Deputación. Un material ao que haberá que sumar as máscaras faciais que a Xunta de Galicia
achegará a partir de mañá venres a través das farmacias para persoas que non teñen achega
económica na prestación farmacéutica e pensionistas con límite de contribución mensual de
8,23 euros.
Así mesmo, dende o pasado venres o Concello de Noia está a subministrar a todos os
establecementos comerciais e hostaleiros que o soliciten un “kit de arranque” para colaborar
no proceso de reapertura previsto nas fases 0 e 1 do Plan para a transición cara unha nova
normalidade aprobado polo Goberno de España. Un kit composto por, como mínimo, dúas
pantallas protectoras, dúas máscaras FFP2 e unha garrafa de 5 litros de solución
hidroalcohólica.
Os únicos establecementos excluídos desta iniciativa son as grandes empresas,
establecementos que teñan o carácter de centro ou parque comercial e aqueles negocios que
non pecharan durante a corentena (xa que a estes últimos xa se lles estivo achegando material
de protección durante as pasadas semanas).
As solicitudes poden presentarse telematicamente, a través da sede electrónica, ou de forma
presencial no Rexistro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prazo de solicitude péchase mañá
venres 8 de maio, para os locais que teñen previsto abrir o luns 11 de maio, e o 18 de maio
para aqueles establecementos que, aínda que poidan abrir o próximo luns, decidan non
facelo.

Related posts

NOIA DÁ UN PASO MÁIS PARA A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE

CloudyX

A GALA DE ENTREGA DE PREMIOS PUXO O PUNTO E FINAL A UNHA NOVA EDICIÓN DA MOSTRA DE CURTAS DE NOIA

CloudyX

NOIA EXALTARÁ O SEU BERBERECHO DO 26 AO 29 DEE NOVEMBRO

CloudyX