A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de convocar un concurso de debuxo infantil dirixido a escolares de centros de infantil e primaria de toda Galicia para incidir na importancia de realizar unha correcta reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) tanto para garantir a saúde do planeta como pola nosa propia saúde.
A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, presentou hoxe en Ribeira, un novo certame de debuxo na Escola de Educación Infantil Capela Carreira, que participa na campaña de sensibilización ambiental impulsada pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos personaxes de Os Bolechas, a popular colección de libros infantís.
Segundo explicou Ferreira Costa, o concurso de debuxo RAEE-Bolechas está aberto á participación de todo o alumnado de infantil e primaria da comunidade e o seu obxectivo final é contribuír a concienciar ás novas xeracións sobre a importancia de realizar unha correcta reciclaxe dos residuos derivados deste tipo de aparellos, tanto para garantir a boa saúde do planeta como a das persoas.

