O Concello de Noia abre o prazo de inscrición na Escola Municipal de Pais e Nais, que comezará a funcionar en canto se conforme un grupo mínimo de 15 familias e que se desenvolverá ata o vindeiro mes de abril.
Unha actividade de carácter gratuíto e organizada pola Concellería de Educación “que pretende crear un espazo de reflexión sobre a vida cotiá a nivel familiar, un lugar onde as familias de Noia poidan resolver dúbidas e compartir experiencias sobre a educación dos seus nenos e nenas”, explica a concelleira de Ensino, Ángela Neri.

