Os concellos da Serra de Outes, Cambados, Portas e Ferrol, pertencentes todos eles á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta, acollen as propostas de fin de semana do ‘FalaRedes’.
O programa de dinamización lingüística promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrece na súa axenda desde mañá ao domingo as propostas A casa do terror, a cargo do músico Xoán Curiel e da banda Son+d2, e mais Os Bolechas e o amigo Monte, da man dos irmáns animados máis coñecidos de Galicia
O artista fonsagradino fará parada mañá, venres, na Serra de Outes, para presentar o seu novo proxecto na Casa da Cultura, desde as 18:15 horas. A actividade, que é terrorificamente divertida, combina música, danza e teatro e está pensada para familias con nenas e nenos de entre sete e doce anos. ‘A casa do terror’, presenta a historia dun grupo de amigos que se ve obrigado a durmir nun edificio encantado.

