Nun ateigado Coliseo Noela, no que se exhibiu un facsímile da Carta Pobra de Noia, o presidente da Xunta amosou o seu apoio ao recoñecemento e oficialización do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia como ruta Xacobea.
Alberto Núñez Feijoo referiuse a Noia como a proba de que Galicia é un pobo cheo de empatía, hospitalario e cunha historia, feita e vivida polos galegos e subliñou durante a súa intervención que Noia é o Portus Apostoli dese Camiño de Santiago; a porta de entrada de viaxeiros atraídos pola chamada espiritual da nosa terra. O responsable do Executivo galego concluíu afirmando que a celebración desta conmemoración constata que, no gran mosaico da cultura e do pensamento de occidente, existen trazos indiscutiblemente galegos.

