A Xunta abrirá mañá o prazo de solicitude de axudas para impulsar a competitividade do comercio destinadas a centros comerciais abertos, asociacións de praceiros e federacións, tras a publicación de ambas as convocatorias hoxe no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo é impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das nosas vilas e cidades a través de iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores. En total destinaranse 2,5 millóns de euros.
En concreto, son 2 millóns de euros para a liña dirixida a centros comerciais abertos para proxectos que incidan na dinamización comercial, fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros. As axudas oscilarán dos 22.240 aos 40.000 euros. Tamén se dirixen a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, desenvolverán iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos con axudas de ata un máximo de 9.800 euros.
A segunda liña, á que se destinan 500.000 euros, está dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios irán dos 9100 euros aos 49.000. Os interesados en optar a algunha destas dúas liñas de apoios disporán do prazo dun mes para presentar as súas solicitudes.
Grazas a estas liñas de apoios, o pasado ano 2017, beneficiáronse un total de 51 centros comercias abertos, 28 asociacións de prazas de abastos e 16 federacións -que supoñen máis de 5500 comercios- para desenvolver preto de 750 actuacións.
Desde 2009, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva destinado, a través destas axudas, preto de 30 millóns de euros como mostra do compromiso do Goberno galego co asociacionismo comercial, unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia que adica 70M€ ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego con 55 accións específicas articuladas ao redor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente.