Despois do inicio da Terceira RFEF, da Preferente e da Primeira Futgal, é a quenda da Segunda. Esta temporada 2026/2027 hai oito equipos da comarca enmarcados no grupo 1 Santiago que loitarán primeiramente por conseguir a permanencia na categoría. E a meta inicial de todos é conseguir o triunfo, ou alo menos puntuar, nesta primeira xornada.
O regreso da competición traerá numerosos derbis entre rivais máis que coñecidos entre si, de feito esta fin de semana hai xa dous servidos para os afeccionados.
O primeiro equipo da contorna en debutar será o Atlético Oleiros. Os ribeirenses xogarán o domingo ás 12.15 horas ante o Atlético Fátima, e estreará a campaña lonxe da casa. Os vermellos, que o ano pasado arrancaron moi forte e remataron con máis tropezos que triunfos, buscarán unha versión máis constante e efectiva sobre o verde. Haberá caras novas, pero tamén continúan xogadores coñecidos que buscarán deixar ao equipo o máis alto posible da clasificaicón. O domingo mídense ao Fátima no Manuel Paz Nogueira.
E o primeiro derbi do curso o protagonizarán o Xuventú Aguiño e o Lesende Concello de Lousame. Os dous equipos veranse as caras o domingo a partir das 17.30 horas no campo da Tasca coa ilusión propia do primeiro día. Son rivais que se coñecen entre si dende hai anos polo que se agarda un atractivo duelo para loitar polos primeiros puntos da campaña.

