7 septiembre, 2026
Image default

A CUARTA XORNADA DA PRIMEIRA FUTGAL TRAERÁ NOVOS RETOS PARA OS EQUIPOS DA COMARCA

Achégase a fin de semana, o que é sinónimo de fútbol. A Primeira Futgal disputa a cuarta xornada da competición na que os conxuntos do Barbanza queren sumar o máximo número de puntos posible para dar un paso máis cara o seu obxectivo.

O Unión afronta esta xornada no cuarto lugar da táboa no grupo 5 e aspira a meterse en postos de promoción. Para iso o primeiro pasa por gañar o seu encontro e esperar a que pinchen os seus rivais. Os de Asados xogan na casa e reciben ao Marcón Atlético, undécimo clasificado. O conxunto local chega a este duelo en boa dinámica xa que vén de gañar por 0-2 ao Cuntis e ten un balance de dous triunfos e un empate nesta estrea ligueira. O seu rival, o Marcón, caeu na derradeira xornada ante o Cordeiro e está a ter un inicio irregular xa que gañou no partido inaugural e acumula dúas derrotas. O domingo ás 18.00 horas o esférico rodará no municipal de Vilas neste duelo entre Unión e Marcón.

O Abanqueiro contará tamén co apoio da súa afección xa que se enfronta ao Atlético Cuntis en Vista Alegre. Os boirenses, sextos, perderon a pasada fin de semana o seu primeiro encontro da temporada logo de firmar dous vitorias nas dúas primeiras xornadas. No último partido o San Martín impuxo a súa lei para impoñerse pola mínima e o Abanqueiro quere volver a puntuar. Nesta ocasión recibe ao sétimo clasificado que está nunha situación moi similar. O Cuntis caeu ante o Unión despois de vencer nos dous primeiros encontros. Este sábado ás 18.00 horas está en xogo o sexto lugar do grupo 5 no duelo entre Abanqueiro e Cuntis.

E o Valiño quere abrir o casilleiro dos puntos nesta cuarta xornada. Os de Cabo de Cruz non puntuaron no que vai de campaña logo de caer nos tres encontros disputados e quere abandonar o farolillo vermello na casa do Amanecer. Os do Grove son décimo cuartos e encadean dous empates seguidos, o último no seu enfrontamento co Flavia. Amanecer e Valiño veranse as caras o domingo en Lampáns cun obxectivo claro, facerse cos tres puntos. O choque arrancará ás 17.30 horas.

Mentres que no grupo 2 a Esteirana quere saír do descenso e para conseguilo deberá impoñerse ao Calo. Será unha tarefa complicada xa que os muradáns visitan o feudo do mellor equipo da categoría e o único que leva pleno de triunfos. Afrontan esta saída con gañas de deixar atrás a mala xeira de resultados xa que encadean dúas derrotas seguidas. O domingo ás 17.00 horas Calo e Esteirana veranse as caras sobre o verde do municipal de Rebordelo.

Related posts

O BOIRO COMEZA A TEMPADA CON FORZA

CloudyX

NON FOI UNHA ESTREA IGUAL PARA OS EQUIPOS NA PREFERENTE FUTGAL

CloudyX

DERROTA DO PORTUS APOSTOLI NO DERRADEIRO AMIGABLE ANTES DE INICIAR A LIGA

CloudyX