Os 40 puntos do Noia para asegurar a permanencia deberán agardar outros sete días. Os de Iván Carril caeron na casa ante un Alondras en racha, mantendo iso si a sétima posición.
O partido comezou de cara para os locais, que aos tres minutos xa ían por diante no marcador grazas ao gol de Axel. O tanto non fixo de menos ao Alondras, que dispuxo de ocasións para igualar o luminoso, aínda que sen fortuna.
Ao Noia costoulle sacar o balón e manter a posesión, e o principal damnificado foi o arqueiro Chema. Non foron poucas as ocasións que tivo que atallar para manter a vantaxe.
O paso por vestiarios fixo ben ao Alondras, e só tardaron cinco minutos en atopar o empate cun gol de Yelco. Unha xogada embarullada castigou ao Noia. Chema conseguiu repeler dous disparos, pero á terceira foi a vencida pros visitantes, que poñían así o 1 a 1 no marcador.
Só tardaron dez minutos máis os visitantes en darlle a volta ao partido co remate de Roi Tato, que subiu ao luminoso o 1 a 2. Os brancos non desistiron para buscar a igualada, aínda que o seu bo xogo non se traduciu en perigo na área rival.
Un resultado que corta a xeira de seis partidos invictos para o Noia e que pospón a permanencia unha semana máis. Aínda así, manteñen a sétima posición con 39 puntos.

