O Rotogal visitou esta fin de semana o feudo do Textil Santanderina, líder indiscutible do grupo A da división de prata do voleibol nacional, rival ante o que os pupilos de Adrián Alves amosaron un gran xogo e madurez. O triunfo quedou en Cantabria, pero as sensacións dos boirenses non son malas, todo o contrario xa que deixan ver un futuro prometedor dun equipo moi novo.
O Boiro Voleibol sabía que se medía a un rival de entidade, que de seguro estará na loita por ascender á Superliga, e os xoves xogadores do conxunto do Barbanza plantaron cara. Facendo suar e traballar aos santanderinos para deixar a vitoria na casa.
A igualdade reinou no inicio do choque, onde os boirenses contaron cunha mínima vantaxe que pronto saldarían os locais. A experiencia do Textil Santanderina foi superando pouco a pouco á loita do Rotogal, chegaron as primeiras rendas e finalmente o primeiro set caeu do lado dos cántabros por 25-19.
A mesma dinámica veuse no segundo xogo. O líder colleu unha mínima renda que parecía que rompía o set, pero o Boiro Voleibol aproveitou dous erros dos locais para poñer o 20-18. O adestrador local parou o encontro e a resposta dos barbanzáns foi poñer a igualada a vinte. Sen embargo os santanderinos reaccionaron a tempo para anotarse o segundo acto por un sufrido 25-22 e con susto incluído.
O Rotogal non baixou os brazos en ningún momento e púxose por diante no terceiro parcial, que foi o definitivo. O Textil Santanderina non deu opcións e pechou o encontro co 25-17 final para poñer o 3-0.
Derrota dos boirenses que regresaron cunha nova experiencia que de seguro lles axudará a crecer como equipo. Agora pasaron a ocupar o cuarto lugar da táboa aínda que están igualados a puntos co Dumbría, terceiro.