A proba absoluta, xa consolidada no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, mantén o seu atractivo percorrido de dez quilómetros. A saída darase ás 11:00h dende Portosín o domingo 20 de decembro, cun primeiro tramo urbano de tres quilómetros e medio antes de afrontar os achegados seis quilómetros e medio pola estrada AC-550 ata a meta situada no porto sonense.
A organización estableceu un límite de 1.500 participantes. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 13 de decembro na web oficial da proba, cun prezo reducido de dez euros ata finais de novembro. Os corredores volverán contar con servizos complementarios como autobuses lanzadeira, gardarroupa, duchas e importantes premios en metálico para os cinco primeiros postos da clasificación xeral, ademais de galardóns específicos para os atletas locais.
Como xa é tradición, a fin de semana grande do atletismo na localidade arrincará o sábado 19 de decembro coas probas escolares en Portosín, dirixidas a rapaces dende a categoría chupete ata a sub-16 e cun límite de 500 prazas de inscrición totalmente gratuíta.

