Mañá dura a do domingo para o Cidade de Ribeira. O partido ás doce do mediodía non sentou ben aos azuis, que volveron do feudo do Lemos coas mans baleiras.
Saíron ao campo coa intención de saír dende atrás co balón xogado, unha idea que se viu trastocada dende o inicio pola alta presión dos locais. A primeira parte foi para os de Monforte, contando o Cidade só cunhas chegadas sen demasiado perigo de Aguado por banda que nin Viturro nin Abi puideron rematar.
Foi Viturro quen no segundo acto puido abrir a lata, pero unha gran intervención de Pablo Losada privouno do gol. Ese premio sería para o Lemos. Corría o minuto 73 cando César Rodríguez rematou no segundo pau logo dunha gran xogada por banda.
1 a 0 e de volta a Ribeira. O resultado é malo para o Cidade, que sumado ás vitorias de Lalín e Miño deixa a loita polos postos de fase de ascenso o máis apertado posible.