O día de Reis deixa un tráxico achado en Porto do Son. O cadáver dunha muller apareceu na praia da Arnela arrastrado pola corrente. Foi un particular quen deu a voz de alarma minutos antes das dúas da tarde. A falecida non portaba documentación, polo que a Garda Civil investiga agora a súa identidade. As primeiras pesquisas apuntan a que podería tratarse dunha muller venezolana desaparecida o 29 de decembro en Esposende, Portugal.
O corpo presentaba síntomas de ter pasado varios días á deriva no mar, coa faciana desfigurada e as extremidades hinchadas, ademais de diferentes feridas. Non se apreciaron signos de violencia nas primeiras investigacións.
Ata o lugar acodeu unha patrulla da Garda Civil de Padrón e o 061, ademais da Policía Xudicial de Santiago, o forense e a autoridade do xulgado, que ordeou o levantamento do corpo. Agora espérase aos resultados da autopsia para esclarecer as causas do falecemento.
As autoridades traballan xa para atopar a identidade da muller, duns 50 anos e con rasgos suramericanos. Polo de agora a principal liña de investigación é que se trata dunha venezolana desaparecida o 29 de decembro no norte de Portugal.
A roupa da muller atopada en Porto do Son coincide coa descrición da desaparecida no país luso, mallas negras, pantalóns vaqueiros cutos e unhas zapatillas brancas. No caso sonense, o torso estaba desnudo, presuntamente pola acción da oleaxe.
As autoridades agardan así ao resultado da autopsia para poñer fin a un suceso que amargou o día de Reis en Porto do Son.

