Noia e Boiro cumpriron as expectativas dos seus afeccionados e brindaron un gran derbi na volta do clásico do Barbanza á Terceira división. Intensidade, bo xogo, presión e un penalti a dez minutos a dez minutos do final foron os elementos que deron un espectáculo aos asistentes.
O respecto entre ambos equipos deixouse ver dende o inicio do partido. Co Noia controlando o balón e o Boiro exercendo presión alta, o primeiro achegamento foi para os visitantes cun centro de Yago que non atopou rematador. A réplica dos noieses non se fixo esperar e conseguiron dúas ocasións consecutivas que xeraron perigo na área rival.
Cos dous equipos desputando cada balón foi o Boiro quen máis perigo xerou na primeira parte grazas a un centro de Álex Rey interceptado pola defensa e un balón roubado no borde da área noiesa que non conseguiron enviar á portería.
O desgaste físico da primeira parte fixo que no segundo tempo o ritmo fose máis suave. Aínda así comezou do mesmo xeito que rematou o primeiro, cun erro na saída de balón noiesa. O porteiro Chema estivo errado á hora de conectar cos seus compañeiros, pero foi quen de rectificar a tempo e deter o remate de Sylla.
Logo dos primeiros compases co xogo trabado, o Noia foise facendo co control do balón, mentres que o Boiro explotaba a súa rapidez arriba. Con ocasión para locais e visitantes, non foi ata o minuto 80 cando se viviu o momento de maior tensión. Álex Rey entrou na área noiesa e Mario derribouno, concedendo un disparo dende os once metros para os boirenses. Foi o propio xogador quen tirou a pena máxima, pero a intervención de Chema puxo en pé ao Julio Mato, Matito mantendo 0 a 0 inicial.
Coa adrenalina polas nubes na busca do gol da vitoria, o xogo comezou a embarullarse e non houbo máis ocasión agás un par de acción de pouco perigo do Boiro nos últimos minutos.
O empate a 0 deixou a ambos equipos contentos de puntuar nun partido tan esixente e de manter as porterías a cero. Boiro e Noia ocupan así a oitava e a novena posición da liga respectivamente con 8 puntos cada un.

