Kirk chega ao Barbanza con intensas choivas e fortes refachos de vento. A madrugada e a mañá de hoxe estiveron marcadas polas incidencias ocasionadas polas caídas de árbores, cortes de estradas e mesmo a suspensión das clases nalgúns centros da comarca.
O incidente máis impactante foi a caída de dúas paredes do pavillón do instituto de Porto do Son, polo que se tomou a decisión de suspender as clases ata, como mínimo, o venres. Non é o único lugar onde os escolares non acudan ás aulas. En Outes o río Tins provocou graves inundacións no colexio da Serra, onde tamén se suspenderon as clases polo menos ata luns. A auga entrou no comedor no comedor e en diferentes aulas con tarima flotante, afectando tamén a diverso material.
Outro dos ríos que causaron inundacións foi o Té en Rianxo. Foi xa durante a noite do martes cando o nivel da auga comezou a subir, chegando a causar cortes nalgunhas estradas de Asados. Algúns veciños chegaron a afirmar que nunca se vira esa suba do río. Os Bombeiros de Boiro foron quenes recibiron chamadas alertando da situación, aínda que viviron unha noite bastante tranquila.

