200 persoas maiores dos concellos da comarca de Barbanza benefícianse do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación da Coruña. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada responsable da área de Benestar Social, Ánxela Franco, visitaron na Coruña a central dende onde se xestiona este servizo e comprobaron o seu funcionamento. Durante as 24 horas do día, os 365 días do ano, estas persoas contan con atención permanente grazas a un pequeno intercomunicador con forma de botón que levan sempre consigo e que poden premer en caso de emerxencias, accidentes, ou simplemente de que o usuario quera falar un rato coa persoa que está ao outro lado da liña.
O aparello funciona tamén en sentido inverso, xa que os usuarios reciben periódicamente chamadas de control dende a central do servizo, que sirven para cuestións tan diversas como preguntarlles polo seu estado de saúde, lembrarlles a hora da súa medicación ou unha cita médica, ou felicitalos polo seu aniversario.
Ánxela Franco adiantaba esta noticia o venres durante unha visita a Porto do Son.
Ribeira, con 59 usuarios, Outes (33), Boiro (27) e Porto do Son (21) son os municipios que contan con maior número de usuarios activos neste servizo, que a Deputación da Coruña presta a un total de 1.743 persoas dos 89 concellos coruñeses con menos de 50.000 habitantes, todos a excepción de Muros, A Coruña, Santiago e Ferrol, para o que destina un orzamento de 394.245 euros durante 2016.