O PSOE de Noia aposta por Fran Pérez para recuperar a alcaldía nas municipais do 28 de maio. No acto no que se deron a coñecer os integrantes da lista, o candidato expresou o seu desexo polo cambio.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, participou este mércores no acto de presentación da candidatura de Fran Pérez á alcaldía de Noia, ao que ese referiu como unha persoa “moi comprometida” coa súa vila e “totalmente centrado” en que Noia “recupere o protagonismo” que sempre tivo na contorna da ría de Muros-Noia e da península do Barbanza.
Formoso participou no acto de presentación do candidato socialista, que tivo lugar no Coliseo Noela, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o rexedor de Ames, Blas García, e o secretario xeral dos socialistas da provincia, Bernardo Fernández Piñeiro. O tamén presidente da Deputación da Coruña salientou que Fran Pérez fixo unha boa diagnose de como ten que ser a Noia do futuro, que ten que converterse nun concello “moi dinámico” dende o punto de vista económico e que non perda industria por falta de solo.
“Fran é un home emprendedor, coñece moi ben o sector comercial do que procede, dirixiu con moito éxito a asociación Noia Histórica, e sabe moi ben que teclas hai que tocar para que a vila non esmoreza e recupere toda a vitalidade que perdeu no últimos anos”, sinalou o número un dos socialistas galegos sobre o aspirante á alcaldía.
Formoso tamén aproveitou a ocasión para referirse ao goberno local do PP, do que se dixo que se dedica a “sobrevivir politicamente sen ambición” e sen explicar aos veciños e veciñas de Noia cara onde deben camiñar. De Santiago Freire dixo que é un alcalde que “non está á altura dos retos que ten por diante esta cabeceira comarcal”, porque o seu principal hándicap, abondou Formoso, “é que lle di si a todo a Feijóo e a Rueda, aínda que sexa prexudicial para a Noia e un dos seus principal motores económicos, como o é o sector pesqueiro e marisqueiro”.
O goberno “non se pode”
Pola súa banda, o cabeza de lista do PSdeG á alcaldía subliñou que a cidadanía de Noia está xa un pouco farta de levar escoitando nos últimos oito anos “a mesma mentira, que non se pode”. “Cando se fala de limpar a ría de Noia, non se pode; cando se trata de solucionar os problemas de saneamento, non se pode”, dixo, o mesmo que cando se trata de aprobar o plan xeral de ordenación, de abrir o Museo do Mar ou de habilitar espazos para clubs deportivos. “A culpa sempre é de Costas, de Patrimonio ou do que sexa, pero hai unha cousa que está clara: con este alcalde, non se pode”.
É por iso que Fran Pérez se mostrou convencido de que “o cambio é inevitable” en Noia, basicamente por tres razóns. Primeiro, porque ao PP “non lle dan os números”; segundo, porque os socialistas “somos a única alternativa de goberno”; e terceiro, porque o PSdeG confía en ter “a vosa confianza” para configurar “un goberno o suficientemente forte como para gobernar con absoluta liberdade” os próximos catro anos e situar a Noia no lugar que lle corresponde.