MurosOutes

ROSA QUINTANA enxalza a restauración do barco joaquín vieta e a súa faceta de museo das tradicións mariñeiras

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, amadriñou o acto de conmemoración do centenario da botadura da embarcación Joaquín Vieta, celebrado no Freixo, no concello de Outes. Alí estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, os alcaldes de Noia, Outes, Muros, e Porto do Son, e os patróns maiores das comarcas de Muros Noia e Barbanza. O Joaquín Vieta é un balandro de cabotaxe de dous paus e 18 metros de eslora, construído entre os anos 1915 e 1916. Dende a súa construción nunha das históricas carpintarías de ribeira do Freixo, no concello de Outes, permaneceu ligado á ría de Muros-Noia. Foi doado pola familia alborés, e restaurado grazas á asociación cultural que leva o seu nome. En 2010 concluíu a súa rehabilitación para ser convertido en buque de recreo e museo da súa propia historia.

O alcalde de Outes, Carlos López Crespo, deu a benvida ósparticipantes nesta celebración, e sobre todo agradecemento á Conselleira o seu compromiso co mar. López Crespo tamén agradeceu a Asociación Joaquín Vieta a restauración desta embarcación.

Rosa Quintana destacou a historia desta emblemática embarcación e valorou o seu labor de restauración. A titular de Mar tamén valorou a variedade do seu uso, pois construíuse para transporte de peixe, logo foi alongado e fixo travesías a lugares como Cádiz e transportou cargas de madeira. Ademais, lembrou que nos anos 60 tamén foi batea e posteriormente un carpinteiro de ribeira o reconverteu en barco bateeiro, traballo que levou a cabo ata o ano 2008, cando foi doado á Asociación Balandro Joaquín Vieta que organiza a homenaxe. Por outra banda, Rosa Quintana destacou a importancia de seguir traballando no apoio ás embarcacións tradicionais e en fomentar a cultura e o turismo mariñeiro da man dos Grupos de Acción Local Pesqueira. Neste sentido, agradeceu á Asociación Balandro Joaquín Vieta os seus esforzos para levar a cabo a restauración e conservación desta embarcación .

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.