Xa se pode extraer centola e boi na costa da Coruña. A campaña extractiva destes crustáceos empezou hoxe e a súa actividade será polas áreas que van dende cabo Corrubedo ata Estaca de Bares.
A actividade réxese polo establecido no decreto que regula en Galicia as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos.
No caso do boi, a frota dedicada á pesca desta especie pode calar os aparellos de acordo co establecido no decreto de artes e aparellos e comercializar en lonxa as capturas que realice.
A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, á que se lle engadirán 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo. Poderán participar todas as embarcacións de artes menores e con porto base en Galicia así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.
A campaña prolongarase ata o inicio da veda do ano 2023, que se fixará a través do correspondente plan de xestión. Con este arranque, supón tamén o inicio da comercialización das capturas destas especies, que volverán aos mercados.

