A Consellería do Medio Rural distribuirá un total de 100.000 folletos e 4.000 carteis informativos sobre os produtos fitosanitarios que poden ser empregados polos usuarios non profesionais para os principais cultivos agrarios. Deste xeito, non é necesario a obtención do carné de manipulador-aplicador deste tipo de produtos. Así o destacou esta mesma mañá en Outes a conselleira Ángeles Vázquez acompañada polo alcalde do Concello, Carlos López Crespo, durante o inicio dun curso para a obtención de dito carné.
Esta iniciativa forma parte da campaña de divulgación do uso de fitosanitarios e sobre a existencia no mercado de produtos non profesionais que a cidadanía pode utilizar sen a necesidade de obter o devandito carné. O material informativo céntrase nos principais cultivos da nosa agricultura, como son os da pataca, vide, cebola, leituga, pemento e tomate.
Estes folletos e carteis serán distribuídos entre todos os concellos de Galicia, as Oficinas Agrarias Comarcais, os Centros de Formación e Experimentación Agroforestal, os Centros de Investigación e Estacións Experimentais da Consellería do Medio Rural e as principais asociacións e entidades asociativas do sector.
