O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou hoxe a necesidade de que o Goberno central amplíe ata finais do 2023 as desgravacións fiscais ao Xacobeo para facer dos seus patrocinadores “embaixadores dos seus valores” e promotores da cultura xacobea.
En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, Alfonso Rueda lembrou que tanto o Goberno galego como o Parlamento de Galicia pediron en diferentes ocasións a ampliación das desgravacións fiscais ao Xacobeo ata finais do 2023 tendo en conta que o Ano Santo tamén se estendeu por decisión do Papa Francisco. De non prorrogarse, daríase o paradoxo de que as exencións fiscais finalizasen antes que o propio evento, xa que deixarían de ter efecto o 30 de setembro deste ano.
