Os resultados da empresa Congalsa, con sede na Pobra do Caramiñal, sumados aos da súa planta lusa Sulpasteis, alcanzan unha facturación de 113 millóns de euros durante o ano pasado, case un 13% máis que en 2020. Xunto a isto, a empresa aumentou o seu persoal nun 20% ata situarse en 562 traballadores.
En total, Congalsa comercializou durante o ano pasado 26.000 toneladas das súas diferentes gamas de produto. En 2021, ademais, a empresa levou a cabo investimentos en maquinaria, tecnoloxía, I+D+i e mellora de procesos por un valor de 3,7 millóns de euros.
Para 2022 e 2023, ten prevista un investimento de 8 millóns de euros, 4 destinados á ampliación da planta de Portugal e á automatización dos seus procesos produtivos, e outros 4 para o seu proxecto de fábrica intelixente Congals4.0.
Como vén sendo habitual, Congalsa organizou a IX edición do Premio aos valores do ano, premio que leva o nome do anterior Director de Relacións Externas da empresa, Ramón Doval, xa xubilado, e que outorga o propio persoal da empresa a través dun proceso de votación interno. Neste 2022, o premio recaeu en José Luis Romero García (Loito), traballador de mantemento da parcela 13 de Congalsa.
