O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Ribeira dos treitos finais das estradas autonómicas AC-550 e AC-303. O Concello de Ribeira solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade do treito final de case 1,3 quilómetros de lonxitude da AC-550, que coincide coa avenida de Ferrol; e do treito final, de algo máis de 2,7 quilómetros, da AC-303, na área recreativa Laxe da Gata de Corrubedo. Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. Ademais flexibiliza os usos nas marxes e facilita a tramitación de actuacións.