O Bertamiráns CF “A” proclamouse campión da cuarta edición do Torneo de Fútbol 8 Concello de Lousame, disputado no campo de fútbol de Cabanetán (Lesende) e organizado pola Agrupación Deportiva F8 Lousame, en colaboración coa Federación Galega de Fútbol, o Concello de Lousame e de Banco Mediolanum. O equipo do Val da Maía impúxose nunha emocionante final ao Atlético Riveira, ao que rematou derrotando tras unha longa quenda de penatis.
O tempo acompañou, polo que centos de familiares se achegaron ata o campo de Cabanetán para animar aos máis dun cento de xogadores e xogadoras dos dez equipos participantes, encadrados nunha liguiña de dous grupos o grupo A (CCD Taragoña, CD Rois, Outes FC “B”, Bertamiráns CF “A” e Atlético Riveira) e o Grupo B (ED Os Miúdos, Outes FC “A”, SDV Cabo de Cruz, Noia CF e Bertamiráns CF “B”).
A gran final entre o Bertamiráns CF “A” e o Atlético Riveira foi un dos mellores partidos que se teñen disputado nestes catro anos de torneo, con dous equipos moi traballados tanto no aspecto físico como, sobre todo, táctico, o que fixo que derrotaran con relativa facilidade ao resto de competidores. Os de Riveira alcanzaran a final tras derrotar na semifinal por 4 goles a dous á SDV Cabo de Cruz, nun encontro moi disputado que se resolveu nos últimos minutos. O Bertamiráns, pola súa banda, derrotaran pola mínima ao Noia CF facendo valer o seu rigor táctico: ben ordenados atrás e saíndo con velocidade e efectividade nas contras.
Na gran final, o Atlético Riveira levou a iniciativa dende o primeiro minuto, cun Bertamiráns moi ordenado atrás e lanzando perigosas contras. Nunha delas, Leo Veiga, declarado mellor xogador da final, adiantaba aos do Val da Maía. O segundo tempo foi un monólogo do Atlético Riveira, que encerrou ao Bertamiráns no seu campo e, aproveitando o vento a favor, bombardeou a portería con disparos dende lonxe. Así mesmo conseguiron remontar o partido e lograron que o Bertamiráns non pasara nin unha soa vez do medio do campo. Cando todo semellaba visto para sentenza, unha nova contra do Bertamiráns remataba cun novo gol de Leo Veiga a tan só medio minuto de finalizar o partido. En total, catro ataques do Bertamiráns no partido, dous goles.
Na quenda de penaltis, o Bertamiráns errou o primeiro lanzamento, o que fixo que os rapaces do Atlético Riveira comezaran a celebrar a vitoria ao pensar que a quenda era ao primeiro en errar, cando en realidade era ao mellor de tres tiros. Con todo a favor, o Atlético Riveira errou o último lanzamento. Na morte súbita rematou impoñéndose o Bertamiráns.
Na final de consolación, a SDV Cabo de Cruz goleou a un moi canso Noia CF, que pagou o esforzo da semifinal ante o Bertamiráns CF. O resultado final foi un contundente 6 a 0.
https://www.youtube.com/watch?v=HEKvK46XUE4