A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, realizaron hoxe unha travesía a bordo do pesqueiro Playa de Sanxenxo que forma parte dun proxecto de pesca turística promovido ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da ría de Pontevedra. Alí ambas conselleiras destacaron a aposta de Galicia polo turismo vencellado ao mar a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) co obxectivo de promover a diversificación da pesca. Esa aposta, subliñou a titular de Mar, vese reflectida en proxectos como Praia de Sanxenxo que ensina a persoas que visitan Galicia como é unha xornada laboral a bordo dun pesqueiro, as tarefas propias da pesca artesanal e tamén promove o consumo de peixe fresco.