O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxeron hoxe en valor a colaboración entre o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Policía Autonómica na loita contra o furtivismo. Esta suma de esforzos permitiu a incautación de máis de 260.000 aparellos empregados para a actividade marítimo-pesqueira ilegal e o comiso de máis 1,3 millóns de quilos de distintas especies de peixe e marisco entre os anos 2010 e 2020. A conselleira do Mar agradeceu aos gardacostas e aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado o seu traballo conxunto e coordinado na loita contra a actividade ilegal no ámbito marítimo-pesqueiro.