958 mozos e mozas Galegos poden participar este verán en campos de traballo en Galicia , dous deles desenvolveranse en Ribeira e Outes. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abrirá este venres día 22 o prazo de inscrición nos campos de traballo da Campaña de Verán da Consellería de Política Social. Os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos campos de traballo que se organizan en Galicia, ou ben ir aos que se celebran noutras comunidades españolas ou en 31 países de Europa, Asia, África e América.
Os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade. Son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de xeito altruísta e solidario, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade. Tamén promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal. Así mesmo, fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos rapaces e rapazas a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países, polo que participar nesta oferta de mobilidade e de intercambio de experiencias, axuda ao desenvolvemento de valores de convivencia, tolerancia ou o traballo en equipo.
