Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para a contratación de membros da brigada de prevención de incendios, o Concello da Pobra do Caramiñal efectúa a convocatoria das probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal. Concretamente, os postos de traballo ofertados son os de capataz, condutor/condutora e peóns/peoas da brigada para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais.
Cómpre indicar que se atopa ó abeiro da segunda addenda ao convenio interadministrativo subscrito entre a Consellería do Medio Rural e a entidade local para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante o 2019, cofinanciado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, pola cal se prorroga a vixencia do dito convenio ata 31 de decembro de 2021, e na cal se financia a contratación dunha brigada de 5 membros para a realización de tarefas de prevención, defensa e extinción de incendios forestais durante tres meses.
Será preciso reunir unha serie de requisitos, referidos á data en que remate o prazo de presentación de instancias, ademais dos de carácter específico en función do posto a que se opte. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, en horario de 08.00 a 14.00 horas, no prazo de 5 días hábiles que se contarán a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste mércores 16.
