O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, reafirmouse hoxe na súa idea de que, a partir de agora, os 30.000 afiliados cos que conta a súa formación ao longo da provincia da Coruña poidan participar de forma activa nas reunións comarcais que, ata agora, os dirixentes provinciais mantiñan de xeito periódico cos alcaldes e portavoces dos distintos partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol, Noia, Santiago e Corcubión.
O anuncio, realizado hoxe nun encontro de traballo mantido cos alcaldes e portavoces populares de Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Ribeira e Rianxo, enmárcase dentro da nova política de participación que o recentemente elixido presidente provincial quere instaurar no partido, e coa que Calvo pretende que “todos os afiliados escoiten o que queremos facer, nos digan que queren eles, se queixen cando haxa motivos e nos acheguen as súas propostas”.