A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Felipe de Castro, en Noia, onde coñeceu de primeira man os programas educativos que está a desenvolver o centro.
O colexio noiés desenvolve este curso a liña 1 dos contratos-programa, REFÓRZA-T, que ten como finalidade mellorar o rendemento académico do alumnado con dificultades, por medio do traballo ou apoio organizado fóra do horario lectivo, para o que se dota aos centros de profesorado de reforzo. O obxectivo é garantir que este alumnado adquira destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias. Entre outras competencias, reforzaranse as destrezas matemática, en ciencia e tecnoloxía e en comunicación lingüística.
