A Consellería de Economía, Emprego e Industria continúa coa campaña informativa sobre o plan de Garantía Xuvenil, que achega as vantaxes desta iniciativa a preto dun cento de concellos galegos. A próxima semana celebraranse varias charlas nos municipios de Muros, Outes, A Pobra do Caramiñal e Porto do Son. O obxectivo é informar aos mozos e mozas sobre as posibilidades que se abren ao inscribirse neste plan.
O obxectivo do Programa de Garantía Xuvenil é que os participantes, mozos e mozas de entre 16 e 29 anos, poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados. Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.