A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión dunha subvención a través do Fondo de Compensación Ambiental, que lle permite ao concello beneficiarse do canon eólico. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou a substitución de parte das luminarias do concello e a recuperación dos espazos degradados polos contedores de recollida do lixo cunha achega de 65.615 euros.
Do Campo recordou que este é o quinto ano consecutivo que oito concellos das comarcas de Muros, Noia e Barbanza (A Pobra, Boiro, Carnota, Lousame, Muros, Outes, Porto do Son e Rianxo) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 241,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres tamén dispoñen de máis de 19.903 metros de liñas de conexión, polos que recibirán máis de 370.000 euros.