Portos de Galicia habilita nas instalacións do Freixo, no concello de Serra de Outes, 26 prazas de atraque para embarcacións deportivas e 16 novos brazos de amarre para facilitar o embarque e desembarque dos usuarios das embarcacións.
As 26 prazas de amarre habilitadas son de eslora de ata seis metros para embarcacións deportivas. Ademais tamén se reordenaron os atraques no pantalán nº 6 para optimizalo axustando as embarcacións ás prazas.
Acompañado do alcalde de Outes, o presidente de Portos comprometeuse tamén á colocación dun pantalán para outras 26 prazas. O investimento total das dúas actuacións é duns 65.000 euros financiado con fondos FEDER.
O porto do Freixo conta tamén cun edificio de usos náuticos e multiusos onde se atopa a escola de vela e diversos servizos para os usuarios. Dispón ademais dunha instalación onde está unha das bases técnicas do ente público na que almacena elementos de sinalización marítima e para a loita contra a contaminación.
Esta instalación, xunto coa do porto de Muros na marxe norte da ría de Muros-Noia, e a de Portosín na marxe sur, está a desenvolver un papel importante na promoción da náutica deportiva nesta área da costa galega.
https://www.youtube.com/watch?v=ZrYJVcy61rc