O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe cos votos dos grupos provinciais do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e a abstención do Partido Popular unha moción rexeitando «a decisión da Consellería de Cultura e Educación de pechar varios centros educativos en Galicia», entre eles o CEIP Emilio Navasqües de Outes.
O texto aprobado hoxe pola corporación provincial sostén que «a decisión do peche supón numerosos perxuízos, tanto para o persoal docente como para o alumnado e as súas familias» como o propio cambio de centro, cambios de horarios e xornadas e mesmo de calidade na atención educativa.
«Sorprende especialmente que se teña decretado o peche de dous centros que contan cun número suficiente de matrículas. De feito, o de Outes precisaría dunha nova unidade de infantil», afirma o texto da moción, que considera «bastante cuestionable» a forma en que se comunicou o peche, no penúltimo día de curso, co período de matrícula en marcha e de xeito unilateral, sen ningún tipo de diálogo ou consulta previa coas comunidades educativas dos centros escolares afectados.
O portavoz do Partido Popular, Agustín Hernández, xustificou a abstención do seu grupo neste punto afirmando que en ningún caso se trata de peches de centros escolares, senón dunha «reorganización escolar» baseada en «criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión de recursos».
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sostivo que a medida afecta a 450 familias dos centros escolares Monte Caxado de As Pontes e Emilio Navasqües de Outes .
O pleno da Deputación da Coruña rexeita o peche de varios centros educativos
Please login to join discussion