A tarde de onte foi o momento no que quedou inaugurada de forma oficial a Gran final das series mundiais de tríatlon. A cidade de Pontevedra será a sede desta cita internacional ata o vindeiro domingo, xornadas nas que miles de deportistas chegados de diferentes partes do mundo competirán por facerse coa coroa mundial.
Son cinco días de competición de alto nivel que fan de Galicia a capital global desta disciplina na que os deportistas compaxinan ciclismo, atletismo e natación. Nesta ocasión participan no World Triathlon Championship Finals 5.400 triatletas que chegan de 100 países diferentes.
A competición recala na cidade do Lérez que tamén acolleu as súas finais hai tres anos. A programación oficial arrancou hoxe coas probas femininas e masculinas xuvenís e o campionato de sprint para grupos de idade. O venres será a quenda do paratriatlón e da categoría sub23. O sábado será unha das xornadas centrais coa competición feminina de elite e o domingo darase o peche cos relevos mixtos e a final masculina de elite.

