O accidente produciuse en torno á unha da madrugada o pasado 30 de agosto no quilómetro 16 da AG-11, en dirección a Ribeira. Un Renault Clio no que viaxaban tres persoas saíu da vía e acabou chocando contra o noiro. O impacto provocou o desprendemento de pedras de grandes dimensións, que quedaron sobre a calzada.
Os vehículos que circulaban detrás atopáronse cos obstáculos e sete deles sufriron danos ao bater contra as pedras ou pasar por enriba.
A peor parte levárona os ocupantes do primeiro turismo. Dúas persoas resultaron feridas de gravidade e foron trasladadas ao hospital. Unha delas, que viaxaba na parte traseira, sufriu a amputación dunha man. O terceiro ocupante resultou ferido leve.
Ata o lugar desprazouse un amplo dispositivo de emerxencias, con varias ambulancias, a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Rianxo e os Bombeiros de Boiro.
Estes últimos acudiron ante a posibilidade de que houbese persoas atrapadas, aínda que finalmente non foi necesaria a excarceración.
Un accidente que deixou dous feridos graves e sete vehículos danados e que obrigou a mobilizar un importante dispositivo de emerxencias na autovía do Barbanza.

