Este domingo o fútbol regresou ao Julio Mato Matito da man do Boiro e do Bergantiños, que disputaron a final da fase autonómica da Copa Federación. E o conxunto adestrado por José Tizón non puido superar ao seu rival. O Bergantiños, que esta campaña xogará na Segunda RFEF, amosou a súa superioridade física ante un Boiro que acabou caendo por 1-3 e despedíndose da fase nacional da Copa Federación.
Os de Carballo pasaron por riba dos barbanzáns dende o asubío inicial grazas ao seu poderío físico. Presionaron, gañaban duelos e non perdoaron en ataque, convertendo en goles os erros do Boiro. De feito puxéronse por diante no minuto 8 co tanto de Tomás Fuentes, que aproveitou un centro lateral para bater a Borja Rey.
O segundo da tarde fíxose esperar un pouco máis ata que no 22 o Bergantiños, a través de Ale Sánchez, puxo o 0-2. O dianteiro fíxose cun balón dividido para anotar o segundo cun tiro raso. O ritmo baixou e o Boiro comezou a dominar o balón, pero sen causar perigo real ao seu rival.
Esta dinámica mantívose na segunda metade e xa cando parecía que non ía haber máis goles chegou o 0-3, obra de Yago Gandoy no 90, aproveitando un erro de Aarón Martínez. O Boiro non se foi de baleiro e no 91 Mateo Lago puxo o definitivo 1-3.
Derrota do Boiro, vitoria do Bergan que disputará a fase nacional da Copa Federación.

