A praza do Concello foi o centro principal da actividade deportiva coa celebración da sexta Carreira 5K El Canario – Homenaxe José Nespereira.
Dende primeira hora da mañá, corredores veteranos e afeccionados compartiron unha cita xa consolidada no calendario deportivo de Ribeira, cun percorrido de cinco quilómetros polas rúas da cidade e o litoral.
No que respecta aos resultados, o vencedor da categoría absoluta masculina foi Hugo García, do Portugalete, que cruzou a meta cun tempo de 14 minutos e medio. Tras el quedaron de segundo posto Amadeo Abal, do Club Surco Lucena, e de terceiro Alberto Riveiro, do Club Atletismo Sar.
Na clasificación feminina, a máis rápida foi Tina Fernández, da Sociedade Deportiva Compostela Atletismo, cun rexistro de 18 minutos e 16 segundos. Completaron con ela o podio Soledad Leiros, do mesmo club, e Olalla Saborido, do Club Atletismo Veteranos.
A participación foi elevada, con máis de 100 atletas que remataron a proba absoluta, ademais dunha ampla presenza nas categorías inferiores, como os que corresponden aos máis cativos, que deixaron imaxes de deporte e convivencia familiar.
Tamén se disputaron as probas de zapatilla inclusiva e carreiras por parellas, reforzando o carácter aberto e participativo dun evento promovido pola Escola de Boxeo El Canario.

