Última fin de semana de xuño, últimas xornadas do II Torneo 50+1 Aniversario do Taragoña. O sábado e o domingo o fútbol tomou o protagonismo no campo da Lomba. 16 equipos benxamíns e 11 prebenxamíns tomaron o céspede para loitar polo triunfo e desfrutar desde deporte. E como toda competición sempre hai un equipo que destaca sobre os demais e nesta ocasión os triunfadores foron o Guimaraes en prebenxamín e o Carreira no benxamin.
O sábado disputouse a categoría benxamín e deixou grandes encontros sobre o verde. Os máis pequenos amosaron o seu fútbol e os equipos chegados de diferentes puntos de Galicia arrancaron coa fase de grupos para dar paso ás eliminatorias. A final protagonizárona o Carreira e o Crocha. Os ribeirenses chegaron a este encontro despois de vencer ao Noia en semis, e ao Taragoña B nos cuartos de final. Mentes que os da Pobra deixaron polo camiño ao Imperator en semis e ao sar en cuartos. E na gran final co derbi comarcal foi o Carreira o que levou a voz cantante para gañar por un claro 4-0. O Noia e o Imperator disputáronse o terceiro e cuarto posto e foron os noieses os que se levaron o triunfo por 5-2.
Os prebenxamíns pecharon o torneo o domingo e o primeiro en disputarse foi a fase de grupos. Unha vez definidas as eliminatorias, o Guimaraes foi avanzando ata o derradeiro partido logo de vencer ao Puebla nos cuartos e ao Taragoña nas semifinais. O Caldas fixo o propio ao impoñerse nas eliminatorias ao Crocha e ao Aguiño. Guimaraes e Caldas víronse as caras na final que finalmente caeu para os portugueses por 3-1. Na disputa polo terceiro e cuarto posto impúxose o cadro local, o Taragoña, ao Puebla por 3-2.
O fútbol despídese polo momento do calendario co remate deste torneo organizado polo Taragoña co que se deu o punto e final a unha gran campaña.

