14.5 C
Chicago
3 octubre, 2026
Image default

FIN Á PREFERENTE CUNHA ÚLTIMA XORNADA NA QUE O DUMBRÍA ASEGUROU A SÚA PRESENZA NA CATEGORÍA

A Preferente despediuse esta fin de semana con moita emoción. Houbo que agardar á derradeira xornada para coñecer ao acompañante de Cidade de Ribeira, Val de Narón e Cultural Maniños na Primeira Futgal e finalmente foi o Victoria. O Dumbría amarrou neste final da campaña a súa permanencia, evitando tamén arrastres, logo de impoñerse no duelo directo co Sigüeiro.

Os da Costa da Morte tiveron unha última final ante un equipo que tamén estaba inmerso na loita por evitar o descenso e viviuse un encontro igualado no Conco. Os dous equipos, sabedores do moito que se xogaban, non querían dar un paso en falso. Pasaban os minutos e a igualdade non se rompía no electrónico polo que os primeiros 45 minutos consumíronse co 0-0 no marcador. E foi á hora de xogo cando o Dumbría inclinou a balanza ao seu favor. Javier Souto non errou na definición para adiantar aos locais e para facer que a afección saltara nos seus asentos. O Sigüeiro intentou igualar de novo o luminoso sen éxito, polo que os tres puntos quedaron no Conco para ledicia do Dumbría que rematou décimo con 43 puntos.

O Puebla finalmente foi oitavo ao non poder vencer ao Órdenes en Cadreche. O encontro non tiña un dominador claro e as defensas puideron conter os ataques rivais nas chegadas que se xeraron. A falta de precisión marcou a primeira metade do duelo polo que o marcador non se moveu. Foi no 77 cando o Órdenes bateu por fin a portería do Puebla para poñerse por diante, vantaxe que xa non soltaría a pesar dos intentos locais. Derrota pola mínima do Puebla que pecha con derrota unha campaña de altibaixos.

E o Cidade de Ribeira despediuse da Preferente coa súa décimo novena derrota. Os ribeirenses visitaron a Marosa para medirse ao Burela que estaba tamén en plena loita por eludir o descenso. Os branquiazuis, que na anterior xornada confirmaron a súa perda de categoría, non se xogaban moito no duelo, quizais por iso arrancaron poñéndose por diante. Aos 11 minutos gañaban por 0-2 cos goles de Yago Rivas e de Felipe Blanco, pero no 13 os locais acurtaron distancias e no 31 puxeron as táboas. Ndong adiantou novamente ao Ribeira no 38, pero en seis minutos o Burela deulle a volta ao marcador e chegouse ao descanso co 4-3. Manuel Ángel Pena moveu o banco pero os seus non anotaron máis goles, aínda que si o fixeron os locais que se impuxeron por 6-3.

Related posts

O CLUB DE REMO FAI UNHA LECTURA MOI POSITIVA DESTA TEMPADA 2025/26

CloudyX

TRES VITORIAS, TRES EMPATES E DÚAS DERROTAS FORON O BALANCE DOS EQUIPOS DA COMARCA NA SEGUNDA FUTGAL

CloudyX

NOVA OPORTUNIDADE DE XERAR PUNTOS PARA OS EQUIPOS DA COMARCA NA PRIMEIRA FUTGAL.

CloudyX